miércoles, 2 de noviembre de 2011

O Courel, sábado 29 de outubro


Os Sequeiros de Mostade

O sábado pola tarde comezamos a quentar as pernas facendo un pequeno roteiro arredor do camping de Seoane.

Esta ruta comeza na aldea de Esperante, xusto a carón do camping cunhas pequenas ascensións que nos van levar ata a aldea de Mostade onde existe un conxunto bastante importante de sequeiros de castaña. Este punto atópase no quilómetro 17 da grande ruta do río Lor (GR-8).

Os sequeiros son construcións de pedra e madeira de castiñeiro onde se secaban as castañas para poder consumilas ao longo do ano. O proceso de secado pode durar entre 20 e 25 días, enriba dun entrabado de paus de castiñeiro debaixo do cal se facía unha pequena fogueira para acelerar o secado. As castañas eran secada con casca e logo de se secar métense nun saco e pásanse polo pisón para separa la casca e limpalas. Xeralmente as de mellor calidade eran vendidas e o resto consumidas na casa ou dadas aos animais.

Neste treito da ruta, flanqueados por enormes castiñeiros pasamos por unha zona do souto cunha rede no chan empregada para recoller as castañas unha vez vareadas. De aquí baixamos cara o Val da Faia por onde discorre o río Lor ata o punto de partida na ponte de García na entrada do acampamento.

A distancia total percorrida foi duns 5 km e levounos aproximadamente dúas horas, tempo que tiñamos ben establecido xa que a volta esperábanos un magosto animado por un gaiteiro un tamboril e un bombo, ao que se uniron dous pandereiteiros (máis ben un pandereiteiro consumado e un aprendiz) espontáneos.

No hay comentarios: