miércoles, 15 de abril de 2009

Crónicas Somedanas I: Ruta das Brañas



Saída: Arbellales, no val do río Saliencia
Itinerario:
Arbellales - Braña de Ordiales de Éndriga - Mortera de Saliencia - Chegada: pobo de Saliencia.
Desnivel: 370 m; Percorrido: 7.700 m
Comezamos a rut
a no pobo de Arbellales, tomando o camiño que atravesa a aldea ata chegar á ponte sobre o Regueiru de Murias. Dende aquí, tras a foto de rigor, comezamos a ruta por un empinado sendeiro que ascende a angostura de Penas Xuntas, deixando o regueiro á esquerda, e cruza o espectacular paso entre contrafortes rochosos, de La Güérgola. Para poder chegar ás brañas os veciños escavaron verdadeiros chanzos na rocha.

Ao final da foz, e tras cruzar outra ponte, o sendeiro bifúrcase. Continúa a ruta polo camiño da dereita, que abandona a marxe do río e ascende pola aba, en dirección á Braña de Ordiales de Arbellales, con seis cabanas. Case chegando a esta brañacurioso paisano de camisa aberta ata o embigo (a pesar do fresco) que estivera a facer a mili en Ferrol e que nos regalou dúas cornamentas de cervo que encontrara esa mesma mañá.
Fixemos a primeira parada na Braña de Ordiales de Arbellales, gozando da magnífica vista da Braña de Murias á nosa esquerda e o Camín Real por enriba e paralelo ás nosas cabezas. Fixemos moitas fotos e os nenos aproveitaron para xogar nun neveiro.

A partir da mesma braña tomamos a pista forestal cara á esquerda que a media aba e entre xestas e cruzando algún regato, levounos á Braña de Cuérrago. Dende esta Braña puidemos ver algunha das alturas do concello: Cornón, Penouta, Mocoso e ás nosas costas deixamos o Camín Real de la Mesta (GR 101) que nos acompañaría paralelo todo o percorrido. Tamén fixemos fotos sobre o val co pobo de Endriga aos nosos pés.

Deixamos a braña rapidamente para comer na seguinte antes de iniciar o descenso. Cruzamos o Regueiru de Castro con maior ou menor fortuna, e tras pasar xunto a dous bebedoiros, vimos á dereita outra pequena braña con só dúas cabanas de teitu preciosas, mimetizadas na paisaxe das abas da montaña, Busmende, e seguindo en dirección sur-leste pola mesma pista chegamos á braña das Morteras de Endriga.

Aquí facía algo de vento e refuxiámonos entre muros para comer. Dende este punto gózase de magníficas vistas do Val de Saliencia, apreciándose o modelado glaciar da súa cabeceira coa característica sección en U e, augas abaixo, o estreitamento do val, representativo do modelo fluvial, coa sección en V. A comida foi rápida e unha vez recuperadas as forzas continuamos pola mesma pista para, tras atravesar o Regueiru de Borbolla, alcanzar a Mortera de Saliencia, última braña do itinerario, e descender en forte pendente rompe pernas, cara á localidade de Saliencia, destino final da ruta onde recibimos as familias que chegaron máis tarde e tomamos unhas cerveciñas. É de xustiza resaltar que Antón, Elsita e Irene (acompañados do menda) remataron a ruta na cabeza cun grande esforzo e tesón, seguidas de Marta e Carmen. O resto foron chegando en contagotas coas pernas requecidas polo pronunciado descenso.


lunes, 13 de abril de 2009

SEMANA SANTA EN SOMIEDO




Olá a todos. Aínda que temos que quedar para o visionado das (numerosas) fotografías tomadas nestes días na montaña asturiana de Somiedo. Aquí vos deixo simplemente unha pequena mostra para recoñecer o esforzo realizado polos nosos fillos que, definitivamente, teñen acadada a súa suficiencia como sendeiristas de pro. Felicidades a eles, e a todos nós. Seguiremos informando
Bicazos.
Eu