martes, 8 de noviembre de 2011

O Courel, luns 31 de outubro

A Lagoa de Lucenza-Formigueiros










O derradeiro día de andaina nesta escapada de Santos lévanos á localidade da Seara, punto de partida do roteiro á Lagoa de Lucenza. Para chegar á Seara, subimos de novo ao alto do Couto e baixamos polo fermosísimo val de Ferramulín e continuamos pola estrada que une esta aldea coa Cruz de Outeiro.

Para tomar o camiño que une A Seara coa lagoa, debemos saír da aldea e cruzar a ponte a esquerda da cal se atopa o inicio da senda. Iniciamos o camiño atravesando pronto o regato Selmo e no quilómetro 1,3 cruzamos o regato que baixa da Lucenza e Porto Murelos polo pontón de madeira da Lomeira.

Ao saírmos da ponte o camiño circula flanqueado por dous altos valados de pedra e a subida é bastante forte agás nos últimos 200 m. Dende este punto, volvendo a cabeza, é posible contemplarmos un dos maiores saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros.

Despois dunha forte subida onde os máis pequenos se portaron maravillosamente (Irene, Carla, Jose, Eloi, Antón…) o sendeiro xira a esquerda e baixa algúns metros, cruzamos a pé o pequeno regato do Lago, case seco e subimos outros 30 m ata a cunca onde se atopa a lagoa. A lagoa desfortunadamente estaba seca. Esta é una lagoa de 70 m de diámetro e de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de 16 000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.
Despois dunha breve parada para recuperar forzas un pequeño grupo (Beitan, Manuel, Eloi, Tomás, Miguel, Martín, José y Fernando) decide seguir subindo ata coroar o cumio do Courel, o pico Formigueiros.

Para iso, ascendemos ata a Campa da Lucenza e despois pola pista, en continuo e suave ascenso, chegamos ata a base do Teso das Papoulas dende onde temos unha excelente vista da Devesa da Rogueira dende arriba e o pico Formigueiros a nosa dereita. A continuación, a pista inicia un descenso moi pronunciado en zigzag, nun tramo que non chega aos 300 metros, ata o lugar da Boca da Rogueira. A partir de aquí vai máis ao chan para bordear o monte Formigueiros ata saír a unha bifurcación: o ramal da esquerda leva ao Alto do Couto, pero o percorrido descrito segue de fronte sen desviarse.

Seguimos deixando ao sur o Val de Visuña e rodeamos a base de Formigueiros. Aquí se produce unha escisión do grupo (Betina, Manuel e Eloi renuncia á ultima ascensión e inician o descenso cara a Seara). O retso, campo a través sube os 300 metros de ascenso final coroando o Monte Formigueiros a 1639 m de altitude.
Dende aquí, tras facer unhas fotos comezamos o descenso, acusado durante o último quilómetro, case monte a través por unha especie de pista cortalumes ata o camiño da campa da Retorta e paralelos ao rego do Pontón chegamos de novo ao noso punto de partida. Recuperamos líquidos en casa Carrete, na Seara. De regreso ao camping paramos para ver a fervenza de Vieiros, excelente e máxico salto de auga. E
n Seoane esperábanos un cocido de despedida. Voltaremos!!.

jueves, 3 de noviembre de 2011

O Courel, Domingo 30 de outubro






A Devesa de Rogueira

































Tamén 9 anos despois e tras a primeira toma de contacto do día anterior quedamos no alto do Couto sobre as 12 da mañá para iniciar a ruta da Devesa de Rogueira, unha das máis famosas do Courel e que xa fixeramos hai 9 anos noutras condición climatolóxicas e tamén de idade, sobre todo dos pequenos.
A diferenza de entón o día estivo espléndido, soleado, sen frío aínda que dentro da Devesa a humidade era alta. Rafa e Iolanda sumáronse dende Becerreá cuns amigos. Percorremos o bosque autóctono máis importante de Galicia (en soamente 200 hectáreas alberga máis de 1000 especies botánicas diferentes) pola parte alta ata as Fontes do Cervo ou da Fame, de grande sona entre as xentes das aldeas de arredor. Aquí bebemos algúns dos dous mananciais (de augas calizas un e ferruxinosas o outro) antes de proseguir o sendeiro ata o miradoiro de Polín onde comemos os bocatas e fixemos as fotos de rigor. Pouco despois atacamos a forte baixada polo cerne do bosque ata a aula da natureza de Moreda onde chegariamos arredor das 15:15 os primeiros.
Unha vez todos reunidos regresamos a Seoane a repoñer líquidos e ver o partido do Celta que, por terceira vez consecutiva este ano, deunos unha boa alegría. Día redondo.








































miércoles, 2 de noviembre de 2011

O Courel, sábado 29 de outubro


Os Sequeiros de Mostade

O sábado pola tarde comezamos a quentar as pernas facendo un pequeno roteiro arredor do camping de Seoane.

Esta ruta comeza na aldea de Esperante, xusto a carón do camping cunhas pequenas ascensións que nos van levar ata a aldea de Mostade onde existe un conxunto bastante importante de sequeiros de castaña. Este punto atópase no quilómetro 17 da grande ruta do río Lor (GR-8).

Os sequeiros son construcións de pedra e madeira de castiñeiro onde se secaban as castañas para poder consumilas ao longo do ano. O proceso de secado pode durar entre 20 e 25 días, enriba dun entrabado de paus de castiñeiro debaixo do cal se facía unha pequena fogueira para acelerar o secado. As castañas eran secada con casca e logo de se secar métense nun saco e pásanse polo pisón para separa la casca e limpalas. Xeralmente as de mellor calidade eran vendidas e o resto consumidas na casa ou dadas aos animais.

Neste treito da ruta, flanqueados por enormes castiñeiros pasamos por unha zona do souto cunha rede no chan empregada para recoller as castañas unha vez vareadas. De aquí baixamos cara o Val da Faia por onde discorre o río Lor ata o punto de partida na ponte de García na entrada do acampamento.

A distancia total percorrida foi duns 5 km e levounos aproximadamente dúas horas, tempo que tiñamos ben establecido xa que a volta esperábanos un magosto animado por un gaiteiro un tamboril e un bombo, ao que se uniron dous pandereiteiros (máis ben un pandereiteiro consumado e un aprendiz) espontáneos.

martes, 1 de noviembre de 2011

Outono no Courel, 9 anos despois: magosto, pandeiretas, liques primixenios e tamén Tenerifes




Do sábado 29 ao martes 1 os Palmeiráns regresamos, 9 anos despois, ao camping de Seoane do Courel. A verdade é que non puidemos ter máis sorte. Fixemos 3 rutas, unha circular polos arredores do camping, os sequeiros de Mostade, o sábado pola tarde, a Devesa de Rogueira o domingo e a Lagoa de Lucenza e o pico Formigueiros o luns. O tempo magnífico o bosque maxestuoso e moito tempo para latricar, comer, beber e perderse. Pásovos unhas fotos para que fagades boca e as crónicas en breve.
Bicos para tod@s
Eu